Artigos

O Concello de Lugo oferta 850 prazas de formación online para persoas desempregadas, en ERTE e autónomos

  • Desenvolvemento Local lanza a plataforma Fórmate Lugo cunha ampla oferta formativa gratuíta con 50 cursos distintos en áreas con alta demanda no mercado laboral.
  • A alcaldesa de Lugo anima á veciñanza lucense a reiventarse neste momento de crise derivada do COVID-19 para mellorar a súa empregabilidade.
  • O prazo de inscricións abrirá o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 10:00 horas, a través da web FormateLugo.gal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, presentaron este venres a iniciativa Fórmate Lugo. Trátase dunha nova plataforma online a través da que o Concello de Lugo ofrece 850 prazas gratuítas en 50 cursos de formación para lucenses desempregados ou en situación de ERTE, así como para autónomos en cese de actividade.

Así o avanzou a rexedora quen subliñou que “esta plataforma é unha mostra máis do compromiso do executivo municipal polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación que nos tocou vivir nos últimos meses”.

Lara Méndez, que animou ás e aos lucenses “a reiventarse nesta etapa de crise”, explicou que “dende o Concello apostamos pola formación como ferramenta indispensable para mellorar a empregabilidade da cidadanía e para reimpulsar os negocios e pemes lucenses tralo confinamento. Por iso, lanzamos Fórmate Lugo, unha ampla oferta formativa online dirixida aos colectivos máis afectados polas consecuencias da crise, co obxectivo de incrementar os seus coñecementos, axudar a mellorar a súa empregabilidade, e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias e capacitación”.

Fórmate Lugo contempla 14 áreas profesionais, poñendo a disposición dos lucenses cursos online de idiomas, márketing, administración de empresas, informática, loxística, turismo, industria alimentaria ou prevención contra a Covid-19, entre outros. Deste xeito, poderase elixir entre unha gran variedade de materias ou áreas máis técnicas, como programación ou sistemas de bases de datos, competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado.

As áreas e os cursos que se impartirán foron seleccionados despois dun traballo de análise previo de necesidades desenvolvido polo servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén tivo en conta na elección das materias aquelas que teñen unha alta demanda no mercado laboral actual.  

Pola súa parte, o edil de Desenvolvemento Local e Emprego subliñou “a boa acollida que están a ter as diferentes programacións postas en marcha polo executivo para facer fronte á crise do coronavirus entre o tecido empresarial e a cidadanía” e animou a todos os interesados a “aproveitar este novo recurso para mellorar o seu perfil profesional e ampliar os seus coñecementos e competencias investindo tempo en formación coa fin de adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo”.

Prazo de inscricións e requisitos dos participantes

O prazo para matricularse nos cursos abrirá o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 10:00 horas a través da páxina web FormateLugo.gal. Os requisitos para realizar un curso son: ser maior de 16 anos, estar empadroado/a en Lugo e estar en situación de desemprego, afectado por un ERTE, ou ser autónomo en situación legal de cese de actividade, no momento da solicitude.

Unha vez inscritos, os cursos realizaranse de forma totalmente online nunha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.

As persoas que completen satisfactoriamente o curso online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo. Toda a información sobre Fórmate Lugo e as particularidades desta oferta formativa pódense consultar de forma detallada na páxina web FormateLugo.gal

As claves da formación online, unha tendencia en alza

Desde comezos do século XXI coa expansión do acceso á rede para a maioría da poboación mundial, foronse incorporando servizos de todo tipo que fosen accesibles por Internet. Chats, compra e venda online, redes sociais, servizos gobernamentais, solicitude de citas previas… Por suposto, foronse perfeccionando as plataformas de teleformación, cursos online ou tamén e mellor definido, formación online.

É o momento de formarse a través de Internet

Debido ao estado de alarma a nivel mundial motivado pola pandemia provocada polo Covid-19, a cidadanía vémonos obrigados a permanecer nos nosos fogares, adaptarnos a esta situación desenvolvendo o teletraballo e creando un espazo de traballo confortable no noso domicilio. Isto, tamén sucede no caso da formación. Xa os máis pequenos nas súas actividades escolares, están a recibir formación online, que permite compartir vídeos, audios, presentacións, realizar test e exames e contar con apuntamentos e textos dispoñibles.

Vantaxes da formación online ou a teleformación

Por iso, moitos dos cursos e certificados de formación xa se adaptaron ante a nova posibilidade de que o seu alumnado poida acceder dunha forma máis cómoda e práctica ao curso que desexe realizar. Sen dúbida, a formación online presenta vantaxes moi destacables fronte á formación presencial:

  • Aforro de custos: resulta moito máis económico á hora de investir nunha plataforma na que o usuario soamente necesita un dispositivo e acceso a Internet. Non require de dispor dun centro de estudo, formación ou traballo.
  • Adaptabilidad: Ao non estar suxeito a horarios, permite flexibilidade á hora de realizar o curso e está dispoñible durante 24 horas, todos os días do ano.
  • Innovación tecnolóxica: a medida que se implementan novos sistemas, estes permiten que descubramos novas formas de relacionarnos coa tecnoloxía e aproveitarnos dela.
  • Variedade e ampla oferta: desde cursos de idiomas, pasando por cursos de prevención de riscos laborais a realizar un curso de industria química. Na variedade, como se adoita dicir, está o gusto.

Sen dúbida, esta experiencia que propón Ribeira.Academy pode ser un excelente punto de partida para comezar unha estreita relación coa formación online.