O Concello de Lugo oferta 850 prazas de formación online para persoas desempregadas, en ERTE e autónomos

  • Desenvolvemento Local lanza a plataforma Fórmate Lugo cunha ampla oferta formativa gratuíta con 50 cursos distintos en áreas con alta demanda no mercado laboral.
  • A alcaldesa de Lugo anima á veciñanza lucense a reiventarse neste momento de crise derivada do COVID-19 para mellorar a súa empregabilidade.
  • O prazo de inscricións abrirá o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 10:00 horas, a través da web FormateLugo.gal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, presentaron este venres a iniciativa Fórmate Lugo. Trátase dunha nova plataforma online a través da que o Concello de Lugo ofrece 850 prazas gratuítas en 50 cursos de formación para lucenses desempregados ou en situación de ERTE, así como para autónomos en cese de actividade.

Así o avanzou a rexedora quen subliñou que “esta plataforma é unha mostra máis do compromiso do executivo municipal polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación que nos tocou vivir nos últimos meses”.

Lara Méndez, que animou ás e aos lucenses “a reiventarse nesta etapa de crise”, explicou que “dende o Concello apostamos pola formación como ferramenta indispensable para mellorar a empregabilidade da cidadanía e para reimpulsar os negocios e pemes lucenses tralo confinamento. Por iso, lanzamos Fórmate Lugo, unha ampla oferta formativa online dirixida aos colectivos máis afectados polas consecuencias da crise, co obxectivo de incrementar os seus coñecementos, axudar a mellorar a súa empregabilidade, e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias e capacitación”.

Fórmate Lugo contempla 14 áreas profesionais, poñendo a disposición dos lucenses cursos online de idiomas, márketing, administración de empresas, informática, loxística, turismo, industria alimentaria ou prevención contra a Covid-19, entre outros. Deste xeito, poderase elixir entre unha gran variedade de materias ou áreas máis técnicas, como programación ou sistemas de bases de datos, competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado.

As áreas e os cursos que se impartirán foron seleccionados despois dun traballo de análise previo de necesidades desenvolvido polo servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén tivo en conta na elección das materias aquelas que teñen unha alta demanda no mercado laboral actual.  

Pola súa parte, o edil de Desenvolvemento Local e Emprego subliñou “a boa acollida que están a ter as diferentes programacións postas en marcha polo executivo para facer fronte á crise do coronavirus entre o tecido empresarial e a cidadanía” e animou a todos os interesados a “aproveitar este novo recurso para mellorar o seu perfil profesional e ampliar os seus coñecementos e competencias investindo tempo en formación coa fin de adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo”.

Prazo de inscricións e requisitos dos participantes

O prazo para matricularse nos cursos abrirá o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 10:00 horas a través da páxina web FormateLugo.gal. Os requisitos para realizar un curso son: ser maior de 16 anos, estar empadroado/a en Lugo e estar en situación de desemprego, afectado por un ERTE, ou ser autónomo en situación legal de cese de actividade, no momento da solicitude.

Unha vez inscritos, os cursos realizaranse de forma totalmente online nunha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.

As persoas que completen satisfactoriamente o curso online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo. Toda a información sobre Fórmate Lugo e as particularidades desta oferta formativa pódense consultar de forma detallada na páxina web FormateLugo.gal