Lara Méndez avanza aos colectivos vulnerables as bases do Muramiñae Rehabilita co que se crearán 27 postos de traballo

A alcaldesa explicoulles que este plan de Intervención Socio-Laboral municipal dá prioridade á contratación a  inmigrantes e minorías étnicas do municipio

A iniciativa actívase tras pararse polo COVID 19 e enmárcase na estratexia DUSI de integración da trama urbana co Miño, “que busca tamén a rexeneración económica e social”

Realizaranse arranxos medioambientais, albanelería, pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura nos barrios de Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e  Saamasas

O Concello abrirá canles de comunicación coa cidadanía para que sexa a propia veciñanza a que propoña e suxira as obras de actuación

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou hoxe, nunha reunión telemática, ás distintas asociacións que traballan cos colectivos vulnerables do municipio as bases do Muramiñae Rehabilita, un Plan de Intervención Socio-Laboral  municipal que permitirá desenvolver durante seis meses obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle da unha oportunidade laboral a 27 persoas destes colectivos.

A iniciativa, que se enmarca na liña de acción específica que fixa a estratexia europea DUSI para a  promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral, reactívase agora tras quedar paralizada en marzo, mes no que se presentou, polo estado de alarma causado polo COVID 19. “Ao ser obras nas rúas temos que poñelas xa en marcha para que se desenvolvan principalmente nos meses nos que que a climatoloxía é máis permisiva”, sostivo a rexedora.

A alcaldesa, que estivo acompañada dos concelleiros Olga López, responsable de Benestar, Inclusión e Persoas Maiores, e Mauricio Repetto, responsable da Desenvolvemento Local e Emprego, explicou que se crearán 3 brigadas que estarán conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha delas.

As bases do plan fixan como prioritarias na contratación ás persoas inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas. “Na zona DUSI vive un alto número de poboación con estas características, razón pola que nesta primeira edición do Muramiñae Rehabilita abrimos a porta a estes colectivos como prioritarios do proxecto”, sostivo Lara Méndez.

As bases terán en conta esta condición, con preferencia dos desempregados de longa duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozos e mozas menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil e persoas que estean en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe de Servizos Sociais.

As brigadas encargaranse de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI:  Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e  Saamasas.

A oportunidade laboral irá acompañada tamén dun traballo de capacitación coas persoas contratadas, con formación tamén en habilidades sociais e laborais. “Na fase final do contrato entrarán a escena os nosos orientadores laborais, que axudarán aos participantes no plan na súa inmersión no mercado laboral”, aclarou a alcaldesa.

A rexedora solicitou a colaboración das asociacións tanto para canalizar a información ás persoas interesadas como para axudar aos colectivos na presentación das solicitudes, “xa que polas restricións de mobilidade causadas pola pandemia é importante que as tramiten principalmente por vía telemática”.

As bases do Muramiñae Rehabilita publicaranse a mediados de mes no BOP e ao día seguinte abrirase un prazo de presentación de solicitudes de 10 días naturais. “O noso obxectivo é que poidan comezar a traballar a mediados do mes de xullo”, sostivo Lara Méndez.

Participación da veciñanza

A alcaldesa destacou tamén a apertura deste programa de obras á opinión e suxerencias da veciñanza, “xa que queremos que sexan os cidadáns os que nos propoñan as actuacións que queren que desenvolvamos neste barrios”.  Para iso, habilitarase en un espazo na web municipal onde deixar as propostas, e tamén se repartirán folletos de papel a través dos que os veciños e veciñas poden facer chegar as súas peticións, que se irán estudando no marco dun plan de acción de barrios.

O investimento deste primeiro plan Muramiñae Rehabilita ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto son fondos FEDER. Desta cantidade, 267.000 euros son para gastos de persoal, e o resto materiais, vestiario, aluguer maquinaria, coordinación e seguridade, entre outras actuacións complementarias.